https://www.instagram.com/tamilalilas/

Nombre

Correo electrónico *

Mensaje *

jueves, 1 de octubre de 2015

Hoxe vin

Hoxe voltei de novo camiñando,
vin á mamá que leva a monotonía e a ansiedade diaria,
vin ao camioneiro do pan bimbo aparcando e inhalando o último suspiro de camel,
vin aos nenos cos carriños que cargan o saber do estado,
vin tamén a zona vella matutina,
vin os restos de tabaco na porta do bar dos chupitos,
vin as presas do estudantado,
vin a clase obreira queimada,
e tamén a funcionarios na depresión e sumisión da rutina.
Vin de esguello a algún borracho tambaleando,
e ao do mercedes cruzando a esquina,
vin o que non quero ter por futuro,

e o peor,

vin que xa case chegara á oficina,
e seguín camiñando.

lunes, 21 de septiembre de 2015

Ás veces, convén sonhar

Ás veces dubidamos no que queremos acadar
tentamos xogar a ser rudos e cambiantes nas decisións vitais,
e sorteamos o astuto inxenio que modificamos no día a día para logar tal tarefa.

Ampliamos os puntos de vista,
E con certa formación máis ou menos consistente,
Chegamos a conclusións socialmente correctas,
Ata que nos fartamos,
E se temos sorte de estar concienciadas co feminismo
E de levalo a cabo, 
tentándoo no día a día,
As conclusións tornan propias.
E as socialmente correctas,
van pouco a pouco acadando menos tempo na nosa cabeza preocupada pola infelicidade que xera ás veces o mero feito da consciencia plena cunha mesma.
É duro ser monopolizada e absorvida pola "muller ideal social"
Mais é mais complexo ser muller feminista dentro do sistema
Porque as princesas bonitas e os príncipes valentes que o patriarcado nos inculcou dende cativas seguen estando certamente presentes en nós.
É duro non desprenderse ao 100% do amor romántico co que soñamos ata que comezamos a pensar no que representaban os símbolos 
como,

As bandeiras con estrela
As loitas combativas xustificadas,
As vestimentas diferentes,
O amor libre e o amor propio
A sexualidade sen barreiras
As organizacións que chegan a ser formadas por opresores en vez de por oprimidos
A crítica entre colectivos cos que, en certo modo, sabemos que non teríamos conversas que nos aportasen moito máis que desespero e raiba
...

Chegados aquí formulo a pregunta,
- Quen son eu para crerme superior a ninguén por ter unha formación ideolóxica estable, consciente, totalmente contínua e chea de contradiccións?

Detesto en ocasións ser intolerante cos poderosos,
Detesto en tempos fluídos excederme no amor propio,
Detesto o traballo persoal que require esta tarefa,
E como muller feminista que me considero,
Muller con máis traumas no peto que diñeiro,
Segura dun futuro incerto
Refúxiome na idea de que ás veces,
como alguén dixo nun libro,


Convén sonhar.




viernes, 18 de septiembre de 2015

Falo do que é mellor non falar

Na ledicia do insensato
Eu voume de troula con esmero de autoconvencemento
Porque inda que antes recurría ao poder de adaptación
Co tempo aprendín a adaptarme ao poder de ser tan inconstante coma o sexo nas noites
Recelo de tempos nos que o capitalismo me dominaba sendo cativa e pouco afortunada no apego
Que nun acto de desespero
Reclamei
Reclamo
Ansío
E detesto
A contradicción, como a paixón
Son o forte de insensatos adictos
Adictos a ser trobadores,
Ou como agora lle din cantautores
Pero eu falo dos que non tenhen dentes
Dos que empregan tickets para fumar e sentir placeres
Do que non ten bocadillo para envolver en albal,
e fúmao.
Non é morbo
Non falo da expansión traumática da foto dun cativo no mar,
Non falo do neohippismo
Non falo de activismo nin tampouco do alcolismo,
Non falo da sede de victimismo
Nin do mal que vai e irá o nacionalismo,
Sería contraproducente o de falar por falar,
O de ver, oír e calar
Falo do que é mellor non falar
Porque se falamos de utopía
Só lembro a Galeano cando di
que so serve para avanzar.

lunes, 14 de septiembre de 2015

Vinteseis abismos e catro versos desesperados

Case podo considerar o ceo como ponte entre nós,

ponte que tambalea cando me entran os medos,
o medo a min mesma,
o medo a ter medo,
o medo a dar medo,
o medo a entregar o que me queda,
e perdelo,
o terte medo,
ou simplesmente o medo a non ter medo.

Case podo considerar ao sol como un branco papel de incendio,

Un incendio no que o meu corpo doce e salvaxe,
prende,
queima,
funde
e derrete o pouco amor que nos queda.

Case podo rematar no túnel

e facer que de min fuxan os paxaros,
e tamén os ventos,
e que a noite entre con invasión poderosa,
para crear un hipotético suicidio de lamentos,
cravando na miña alma a túa pel velenosa.

Case podería quererte
Case podería tocarte
Case podería non verte
Case podería deixarte.

Nestes vinteseis abismos
dos que fuches dono e senhor,
silvo un arraigo no tempo
no que case me arruina o amor.



Publicación destacada

El pantano que desdibujaba las ideas entre el sueño y la muerte se convirtió en una llanura de ideas solitarias. Había demonios y mazmorras ...